miércoles, 17 de febrero de 2010

microQonto · Crise (Mario Regueira)



Se tes sorte é moi doado, basta ter tempo para pasear a avenida de arriba a abaixo. Ás veces pode levar boa parte da mañá, porque en realidade é polas mañás cando mellor se dá, especialmente os luns, e moi especialmente se chove. Paga a pena pregar o parachuvas e levalo baixo o brazo, aguantar un pouco as pingas a cambio de non perder a perspectiva do alto. Se é o día veralos titubeando nos marcos das fiestras. A maior parte das veces, tan alto que son só sombras, por iso é ben ter ollo e memoria, marcar mentalmente a fiestra, por se a sombra se repite, ou se a abren subitamente. Entón podes buscar un sitio onde apoiarte e agardar. Todos titubean, non creo nas arroutadas, por iso hai que ter paciencia. Porén, a maior parte deles acaba facéndoo. E entón o fundamental é ser rápido, aproveitar a avantaxe antes de que se forme a roda de xente ou cheguen as ambulancias. Non é tan doado desvestir un morto, e a maioría destes tipos pesan un montón, porén coa maior parte deles conseguín levar o traxe completo, e a uns cantos até me deu tempo a collerlles os zapatos. En ocasións o sangue estraga as prendas, pero a maior parte das veces só son salpicaduras. Nada que un bo lavandeiro non poida tirar. O malo é que estean tan gordos, aínda non dei atopado unha chaqueta da miña talla, pero un día destes cae. Non sei porque din que este 1929 está sendo un mal ano. Eu é a segunda vez que estreo traxe.


Mario Regueira foi en tempos un neno que proxectaba imitar ao camarada Gagarin no seu paseo polas estrelas, soño que se truncou cando tiña dez anos, por cousas da xeopolítica. Na súa enésima viaxe a África decide instalarse na illa de Gorée onde vive seis meses ao ano, lembrando que seguimos sendo escrav@s mentres compón a primeira ópera contemporánea en galego e traballa nunha versión da Odisea que acontece nas Antillas e na que Homero é un bluesman cego.



A imaxe foi tomada de shorpy.com

No hay comentarios:

Publicar un comentario