martes, 23 de marzo de 2010

microQonto · Corcosidas (Teresa Barberena)



Amelia pasou corenta anos coas mesmas medias. Mercárallas a súa nai nunha feira. “Son para que leves a diario” – díxolle súa nai cando llas deu o día que a rapaza comezou a traballar nunha tenda de moda. ‘Por diario’, a súa nai, referíase a tódolos días da súa vida. Así que Amelia levounas durante corenta anos. Andaba con elas para arriba e para abaixo. Iso, sí, lavándoas todos os sábados pola mañá, relixiosamente. Claro con tanto uso as medias, romper, romperon centos de veces. Mais a súa nai corcosíallas e corcosíallas polas noites, unha e outra vez. “Non gastes filliña, que a vida está moi mala!” – dicíalle. Mais, tanto corcoser e corcoser, as medias ían minguando. Ían quedando tan pequenas que a Amelia case non podía respirar ao poñelas. Ela tiña pánico de pensar que un día as medias estoupasen e ela puidese quedar medio núa na rúa. A pobriña non tivo sorte xa que tan ben as corcorsía súa nai que xamais estouparon. Mais o que sí pasou foi que acabaron por afogala. Agora Amelia e as súas medias descansan, por fin, en paz no camposanto.


Son un bule-bule, un cú inquedo, paso o día dun lado ao outro intentando non perderme nada da vida. Non obstante, cando realmente me sinto viva é diante do papel en branco, construindo personaxes que me serven de segunda pel.

-Teresa Barberena-


A imaxe foi tomada de shorpy.com

No hay comentarios:

Publicar un comentario