Esta iniciativa xorde da necesidade. A necesidade de crer na nosa cultura. Unha necesidade de entender a nosa pequenez como un feito grande que nos fai valiosos.
A nosa cultura é cativa. Así o considera o noso máximo responsable (¿ou sendo cativa habería que dicir mínimo responsable?). É por iso que nos, pequenos como somos, debemos asumir esa condición mínima sen complexos e con orgullo, porque como cultura cativa facemos moito e ben. Non termos unha British Academy permítenos certa liberdade de acción, innovación e orixinalidade. E, sobre todo, permítenos, como culturiña que somos, achegar moitas cousiñas fermosas, cativeces que supoñan pequenos proxectos. Porque todo suma.
É por isto que o Proxecto-Q quere sumar, e traer pingas, mínimas iniciativas de creación que axuden dun xeito pequeniño a esta nosa culturiña que é tan tan pequena que ás veces semella grande.
Dende o Proxecto-Q convócase, polo tanto, o primeiro certame de MicroQontoS en colaboración con O sorriso Felino.