martes, 24 de noviembre de 2009

microQonto · Violín queimado (Fran Castiñeira)

Toca unha triste, Negro

Son o negro que tocaba o violín no bar dos brancos. O único preto que entraba alí. Gañábanse boas propinas, convidaban a copas. Este non é lugar para negros, dicían algúns. Déixao, que é o negro do violín, contestaban outros. Mais o que tocaba ben era o meu irmán Joshua. É o mozo de diante, na foto.

Eu víame cunha rapaza branca. Un día víronme, levaba de casualidade o violín do meu irmán, nin sequera sabía tocalo. Os do bar colleron a Joshua ó día seguinte e pendurárono dunha árbore. Polo violín. Houben de ser eu. Tódolos negros se asemellan.

Toca unha de amor, Negro.

Aprendín a tocar. Eu son o que está detrás de Joshua, borroso.

E toquei unha de amor. Logo deixei o violín na barra e saín do bar. Atranquei as portas e prendinlle lume, todos arderon. Sentíase a cantiga, Joshua tocaba dentro, el argallara todo.

Atoparon o violín queimado e déronme por morto. Fuxín.

Non había cámaras naquel lugar e naquel tempo. E agora vexo nunha pantalla esta foto. Joshua e mais eu de rapaz, detrás. E o vello de diante tamén son eu, agora, é coma un espello. Toco para eles, para nós.

Toca unha de bailar, Negro.

E collo o violín e toco e bailo, amosando os dentes.






Nacín nun sitio frío e fun parar a un sitio frío. E non me queixo. O verdadeiro frío é outra cousa.
Nacín na Suíza francófona no ano do punk, o 77. Os meus pais, emigrantes de Laxe, recapacitaron e liscaron axiña para A Coruña, onde me criei. Tras recalar con desigual fortuna en Compostela e Uviéu ando a abrigarme da neve xa vai para tres anos na fermosa cidade bávara de Regensburg, Ratisbona para nós os latinos. Gáñome as lentellas como Técnico de Laboratorio, e non hai grande queixa. Solteiro, sen fillos e cun afillado que berra onde tas padino polo teléfono. Un ceo. Fago de menos o mar, pelexo coa morriña e gústame pisar a neve cunhas boas botas.


Por Francisco Castiñeira
Mr Tichborne


A imaxe foi tomada de shorpy.com

No hay comentarios:

Publicar un comentario